Categorías
Uncategorized

A Estela do que Regresa

Créditos da imaxe e Copyright: Zhuoxiao Wang

Explicación: As estrelas familiares dunha noite de inverno no hemisferio norte brillan nesta escena nocturna, tomada preto de Zhangye, Gansu, China e a fronteira con Mongolia Interior. Durante as primeiras horas do 17 de decembro Orión está preto do centro nunha imaxe de exposición única que captura unha bola de lume cruzando o ceo, case tan brillante como ó amarelento Marte brillando na dereita. Dividindo as dúas brillantes estrelas xemelgas de Xéminis (os Xemelgos), Castor e Polus, preto da parte superior da escena, a estela da bola de lume e a súa temporización son consistentes co segundo salto da entrada atmosférica da cápsula de retorno da misión Chang’e 5. A cápsula de retorno recuperouse con éxito despois da súa aterraxe en Mongolia Interior, planeta Terra, con preto de 2 quilogramos de material lunar a bordo. Pénsase que a mostra lunar contén material relativamente xoven recollido preto da rexión Mons Rumker do Oceanus Procellarum da Lúa. Lanzada o 23 de novembro UT, a misión chinesa Chang’e 5 é a primeira misión lunar de retorno de mostras dende a misión Luna 24 da Unión Soviética en 1976.