Categorías
Uncategorized

Cometa NEOWISE e nebulosas


Créditos da imaxe & Copyright: Jarek Oszyw

Explicación: Afrontarías animais salvaxes para fotografar este ceo? Un astrofotógrafo fíxoo e todas e todos recollemos a recompensa. En primeiro lugar, temos miles de estrelas á vista, incluídas moitas das máis brillantes e abraiantemente azuis. A maiores, vense varias nebulosas vermellas brillantes, entre elas a Nebulosa de California á dereita, e, enriba dela, as Nebulosas do Corazón e da Alma. Mais a verdadeira razón para encarar a fauna salvaxe local foi o Cometa NEOWISE, visíbel á esquerda. Na composición de exposicións longas tomadas a pasada semana, a cola iónica azul brillante do Cometa NEOWISE apunta cara a arriba, oposta ao Sol nacente, mentres que a cola de po que reflicte a luz do Sol apunta á dereita. A imaxe combina tres exposicións obtidas de forma consecutiva durante dez minutos desde a mesma localización preto de MiedzygórzePoland. Unha estrada de terra iluminada pola Lúa sinala o camiño e vense os Montes Śnieznik sobre o horizonte. O cometa C/2020 F3 (NEOWISE) pasa polo punto máis próximo á Terra esta semana, e logo diso a bola de xeo sucio, de 5 quilómetros de largo e en evaporación, irá esvaecendo ao regresar ao Sistema Solar exterior.

Categorías
Uncategorized

Lúa en rotación desde o LRO

Créditos do vídeo: NASA, LRO, Arizona State U.

Explicación: Ninguén, a día de hoxe, ve a lúa rotando deste xeito. Iso é porque a cara que nos ofrece a Lúa está atada á terra nun baile que segue o ritmo das mareas, ofrecéndonos sempre o mesmo rostro. Porén, coa tecnoloxía dixital moderna combinada con miles de detalladas imaxes enviadas polo Orbitador de Recoñecemento Lunar (Lunar Reconaissence Orbiter, LRO) creouse unha película virtual do movemento de rotación da Lúa en alta resolución. A liña de tempo do vídeo comeza coa vista ordinaria da Lúa desde a Terra. En cambio, axiña o Mar Oriental, un gran cráter cun centro escuro que é dificil de ollar desde a Terra, rota para se ver xusto por baixo do Ecuador. Durante un mes lunar enteiro, condensado en 24 segundos, o vídeo amosa con claridade que a cara da Lúa que vemos desde a Terra contén abondosos mares lunares, mentres que a cara oculta está dominada polas chamadas “Terras Altas da Lúa” (serras e chairas elevadas). A día de hoxe, desenvólvense unhas dezanove misións á Lúa de diferentes países, a maioría delas con data de lanzamento nos tres próximos anos.

Categorías
Uncategorized

Atopar o NEOWISE

Créditos da imaxe e Copyright:Tom Masterson

Se chegas a ver as estrelas do Carro Maior podes atopar o cometa NEOWISE esta noite no teu ceo nocturno. Tralo solpor procura o cometa, a simple vista, por baixo do cazo do famoso utensilio de cociña do ceo setentrional e por riba do horizonte noroccidental. Estás a buscar unha “estrela” borrosa cunha cola, aínda que probablemente non tan longa como nesta instantánea de ceos claros tirada desde Los Padres National Forest en California na noite do 16 de xullo. As imaxes recentes do C/2020 F3 (NEOWISE) adoitan amosar a ampla cola de po deste cometa e una cola iónica máis feble e separada que se estenden máis lonxe do que o ollo consegue albiscar. Afeccionados do ceo de todo o mundo andan encantados con atopar o visitante inesperado que procede do Sistema Solar exterior.

Imaxes do cometa NEOWISE: 17 de xullo| 16 de xullo| xullo 15 | xullo 14 | xullo 13 | xullo 12 | xullo 11 | xullo 10 e antes |

Categorías
Uncategorized

NEOWISE do norte

Créditos da imaxe copyright:Bill Peters

Trala medianoite local do 14 de xullo o cometa NEOWISE aínda andaba por riba do horizonte de Goldenrod (Alberta, Canadá), xusto ao norte de Calgary, no planeta Terra. Nesta instantánea crea unha noite abraiante coa aparición danzante das lulces do norte. O cometa de longa cola maila exhibición auroral son fermosas aparicións destes días no norte. Ámbolos dous amosan a influencia do tempos espacial e o vento solar. Os amadores do ceo están a darlle unha fonda benvida ao visitante da nube de Oort, aínda que o C/2020 F3 (NEOWISE) leva unha órbita que agora o transporta cara o exterior do Sistema Solar interior.

Imaxes destacadas do cometa NEOWISE enviadas ao APOD: 16 de xullo| xullo 15 | xullo 14 | xullo 13 | xullo 12 | xullo 11 | xullo 10 e antes |

Categorías
Uncategorized

As longas colas do cometa NEOWISE

Créditos da imaxe e Copyright:Petr Horalek

Este cometa NEOWISE (C/2020 F3) anda agora a varrer os ceos norteños do noso fermoso palneta. As súas colas longas estrícanse nesta fonda paisaxe celeste desde Suchy Vrch, República Checa. A composición, gravada na noite do 13/14 de xullo, contén tomas da paisaxe sen seguimento e do ceo filtrado e con seguimento, revelando detalles da cola do cometa que non se ven a ollo nu. As estruturas tenues esténdense ata a parte superior do cadro, uns 20 graos desde a brillante coma cometaria. A ampla curva da amarelada cola de po do cometa, expulsada pola presión da propia luz solar, é sinxela de ver a simple vista. Pero a cola iónica, máis azulada e tenue, está separada da reflectiva cola cometaria. A cola máis feble é unha cola iónica, formada cando os ións procedentes da coma do cometa son expulsados ao exterior polos campos magnéticos co vento solar e emiten fluorescencia ao ser alumeada. Xa saíndo do sistema solar, o NEOWISE vai rubindo nos ceos nocturnos setentrionais cada vez máis arriba, chegando ao seu punto máis próximo á Terra o 23 de xullo.

Imaxes destacadas do cometa NEOWISE enviadas ao APOD: || xullo 15 || xullo 14 || xullo 13 || xullo 12 || xullo 11 || xullo 10 e antes ||