Categorías
Uncategorized

A complexa cola do cometa Neowise

Créditos da imaxe e copyright: Zixuan Lin (Beijing Normal U.)

Que está creando a estrutura na cola do cometa Neowise?

Das dúas evidentes colas, a cola de ións azul apunta directamente na dirección na que se afasta do Sol, orixinándose polo fluxo de cargas do vento solar. Esta estrutura da cola de ións aparece debido a diferentes coeficientes de expulsión de ións que desprenden luz azul provenientes do núcleo do cometa, así como á sempre complexa e continuamente cambiante estrutura dese vento creado polo noso Sol.

Máis inusual para o cometa  C/2020 F3 (NEOWISE), en cambio, é a estrutura ondulada da súa cola de po. Esta cola de po é despregada pola luz solar, e cúrvase porque as partículas de po máis pesadas son máis capaces de resistir esta presión da luz e continúan seguindo unha órbita solar. As impresionantes estrías da cola de po do cometa Neowise non son comprendidas de todo, aínda que parecen estar relacionadas con correntes de rotación de micro partículas de rochas, que reflicten a luz solar ao ser liberadas pola fusión do xeo do seu núcleo de cinco quilómetros de anchura.

A imaxe que se amosa é un conglomerado de corenta imaxes, ensambladas dixitalmente, tomadas hai tres días nos escuros ceos do Deserto do Gobi, na Mongolia Interior, China.

O cometa Neowise fará a súa máxima aproximación á terra mañá, mentres se arreda do Sol. O cometa, xa esvaecendo pero aínda visible a ollo nu, debería desaparecer máis rapidamente a medida que se afasta da Terra.

Imaxes notables enviadas ao APOD no mes de Xullo:

21 || 20 || 19 || 18 || 17 || 16 || 15 || 14 || 13 || 12 || 11 || 10 e antes ||

Categorías
Uncategorized

Lúa en rotación desde o LRO

Créditos do vídeo: NASA, LRO, Arizona State U.

Explicación: Ninguén, a día de hoxe, ve a lúa rotando deste xeito. Iso é porque a cara que nos ofrece a Lúa está atada á terra nun baile que segue o ritmo das mareas, ofrecéndonos sempre o mesmo rostro. Porén, coa tecnoloxía dixital moderna combinada con miles de detalladas imaxes enviadas polo Orbitador de Recoñecemento Lunar (Lunar Reconaissence Orbiter, LRO) creouse unha película virtual do movemento de rotación da Lúa en alta resolución. A liña de tempo do vídeo comeza coa vista ordinaria da Lúa desde a Terra. En cambio, axiña o Mar Oriental, un gran cráter cun centro escuro que é dificil de ollar desde a Terra, rota para se ver xusto por baixo do Ecuador. Durante un mes lunar enteiro, condensado en 24 segundos, o vídeo amosa con claridade que a cara da Lúa que vemos desde a Terra contén abondosos mares lunares, mentres que a cara oculta está dominada polas chamadas “Terras Altas da Lúa” (serras e chairas elevadas). A día de hoxe, desenvólvense unhas dezanove misións á Lúa de diferentes países, a maioría delas con data de lanzamento nos tres próximos anos.