Categorías
Uncategorized

Encélado en infravermello

Créditos da imaxe: VIMS TeamSSIU. ArizonaU. NantesESANASA

Explicación: un dos mundos máis atraentes dos Sistema Solar, Encélado, a lúa de xeo de Saturno móstrase nestas vistas hemisféricas tomadas pola sonda Cassini. As cinco imaxes en falsa cor presentan 13 anos de imaxes no infravermello capturadas polo espectrómetro de cartografiado visual e infravermello da Cassini. O xeo máis fresco é coloreado de cor vermella, onde destacan uns rasgos moi distintivos que semellan longos cortes no polo sur desta lúa de 500 quilómetros de diámetro. Estas raias que semellan as dun tigre correspóndense con fracturas na superficie que posiblemente conectan co océano baixo a codia de xeo de Encélado. As fracturas tamén son a orixe das erupcións de xeo que emanan continuamente ao espazo. Estas erupcións foron descubertas pola sonda Cassini en 2005. Agora, os tons vermellos na metade norte tamén indican a continua alteración da superficie desta lúa xeolóxicamente activa, un mundo que podería manter condicións compatibles coa vida.

Categorías
Uncategorized

Tránsito da ISS por Marte

Créditos da Imaxe e Copyright: Tom Glenn

Explicación: viche algunha vez á estación espacial facer esto? Se se coñece cando e a onde mirar, observar o paso da brillante Estación Espacial Internacional (ISS) atravesando o ceo nocturno é unha vista fascinante pero non moi inusual. Existen imaxes da ISS cruzando fronte a Lúa ou o Sol, aínda que son algo peculiares xa que requiren planificación, elección do momento xusto e paciencia. Sen embargo, capturar a ISS cruzando por diante do minúsculo Marte está a outro nivel. Empregando software en liña, o fotógrafo decatouse de que o inusual tránsito sería visible só momentaneamente dende un pequeno anaco de terra. Neste lugar, a velocidade relativa con respecto ao chan da ISS sería duns rápidos 7.4 quilómetros por segundo. Sen embargo, cunha cámara normal, un pequeno telescopio, unha localización exacta para montar o equipo, unha dirección de apuntado exacta e unha planificación por debaixo do milisegundo, o fotógrafo foi capaz de crear un video de onde a imaxe mostrada correspóndese con 0.00035 segundos de exposición. Na imaxe capturada resultante detalles de Marte e a ISS son visibles simultaneamente. Esta imaxe foi capturada o pasado luns ás 05:15:47 hora local dende o noreste de San Diego, California, Estados Unidos. Ainda que típicamente Marte é angularmente máis pequeno ca ISS, aproxímase ao seu máximo de tamaño angular nas próximas semanas, xa que o planeta azul (a Terra) aproxímase ao seu máximo acercamento co planeta vermello (Marte), nas súas respectivas órbitas entorno ao Sol.

Categorías
Uncategorized

Comeza o Ciclo Solar 25

Créditos da imaxe: NASASDO

Explicación: a tendencia xeral dos datos de avistamentos de manchas solares confirman que o mínimo de actividade do ciclo solar de aproximadamente 11 anos de duración sucedeu en decembro de 2019, marcando por tanto o comezo do Ciclo Solar 25. O quedo Sol, no seu mínimo de actividade, pódese ver na metade dereita da imaxe hemisférica partida. En contraste, na parte esquerda móstrase un activo Sol no seu máximo de actividade do Ciclo Solar 24, capturado en abril do 2014. As imaxes en ultravioleta extremo capturadas polo orbitador SDO (Solar Dynamics Observatory) destacan os rizos coronais e as rexións activas na luz producida polos átomos de ferro altamente ionizados. Controlando o clima espacial na contorna do noso propio planeta, o Ciclo Solar 24 foi relativamente quedo e as predicións sobre o ciclo 25 indican que tamén será así. O máximo de actividade do ciclo 25 espérase en xullo de 2025. O Ciclo Solar 1, o primeiro ciclo solar determinado a partires de rexistros históricos de manchas solares considérase que comezou cun mínimo en febreiro de 1755.

Categorías
Uncategorized

O biomarcador fosfano descuberto na atmosfera de Venus

Créditos da imaxe: ISASJAXAAkatsukiProcesado: Meli thev

Explicación: pode haber vida flotando na atmosfera de Venus?
Aínda que no noso planeta veciño a superficie é considerada moi extrema para calquera forma de vida coñecida, a alta atmosfera de Venus pode ser o suficientemente benigna para pequenos microbios aéreos. Esta posibilidade típicamente desestimada sufriu un xiro inesperado onte co anuncio do descubrimento do fosfano venusiano. O composto químico fosfano (PH3) é considerado un biomarcador xa que semella moi dificil de xerar en base aos procesos químicos máis rutineiros dos que se pensa que ocorren sobre a superficie ou na contorna dun mundo rochoso como Venus – pero sábese que é xerado por microorganismos na Terra. A imaxe presentada de Venus e as súas espesas nubes foi tomada en dúas bandas de luz ultravioleta polo orbitador de Venus Akatsuki, un satélite xaponés que se atopa na órbita deste mundo cuberto de nubes dende 2015.
O achado de fosfano, se é confirmado, podería espertar un anovado interese na búsqueda de outros indicios de vida flotando na atmosfera do segundo planeta do noso Sistema Solar dende o Sol.

Categorías
Uncategorized

A tormenta nadadora de Xúpiter

Créditos da imaxe e Copyright:Andy Casely

Explicación: unha brillante fronte tormentosa cun longo e turbulento ronsel cruza nadando Xúpiter nestas nítidas imaxes telescópicas do maior xigante gasoso do Sistema Solar. Capturado o 26 e 28 de agosto e o 1 de setembro (de esquerda a dereita) a tormenta duplica aproximadamente a súa lonxitude durante este período. Estirándose ao longo da corrente en chorro da Banda Temperada Norte do planeta, viaxa cara o leste nos sucesivos fotogramas pasando a Gran Mancha Vermella e a branca tormenta xigante Oval BA, as dúas famosas tormentas do hemisferio sur de Xúpiter. As lúas galileanas Calisto e Ío captúranse tamén no fotograma central. Os astrónomos que seguiron Xúpiter cos seus telescopios dende a Terra durante as pasadas semanas tamén informaron de estalidos tormentosos movéndose a gran velocidade na Banda Temperada Norte de Xúpiter.