Categorías
Uncategorized

M51: A Galaxia do Remuíño polo Hubble

Crédito da imaxe: NASAESAHubbleHLAProcesado e Copyright: Bernard Miller

Explicación: A Galaxia do Remuíño é a clásica galaxia espiral. A tan so 30 millóns de anos luz de distancia e abranguendo 60 000 anos luz de tamaño, M51, tamén coñecida como NGC 5194, é unha das máis brillantes e pintorescas galaxias do ceo. A imaxe amosada é unha combinación dixital de imaxes tomadas en diferentes cores polo Telescopio Espacial Hubble en órbita arredor da Terra, destacando moitos detalles de gran nitidez. Calquera cun bo par de anteollos pode atopar ao Remuíño cara a constelación dos Cans de Caza. M51 é unha galaxia espiral de tipo Sc e é o membro dominante deste grupo de galaxias. As astrónomas especulan que a estrutura espiral de M51 débese principalmente á interacción gravitatoria coa galaxia máis pequena á esquerda da imaxe.

Categorías
Uncategorized

Nubes cósmicas no Cisne

Crédito da imaxe e CopyrightWolfgang Zimmermann

Explicación: estas nubes de gas e po van á deriva a través de ricos campos estelares ao longo do plano da Vía Láctea cara a elevada constelación do Cisne. Son demasiado febles para ser ollados directamente, aínda nun ceo claro e escuro. Empregando datos de imaxes dunha cámara cun teleobxectivo e empregando filtros de banda estreita construíuse este campo de visión de 10 graos.  O mosaico profundo revela unha rexión que inclúe nubes de po de formación estelar vistas en silueta contra o brillo de fondo característico do hidróxeno e o osíxeno gasosos. NGC 6888 é a nebulosa de emisión preto da parte superior. Soprada polos ventos dunha estrela masiva de tipo Wolf-Rayet, abrangue uns 25 anos luz de tamaño e é coñecida como a Nebulosa Crecente. O feble guecho azulado xusto por debaixo do centro do encadre é a pegada doutra estrela Wolf-Rayet. Queimando combustible a un ritmo vertixinoso e preto do final da súa vida estelar, ambas estrelas rematarán cunha prodixiosa explosión de supernova. Cara a dereita, unha estrela nova masiva de tipo O produce o brillo de Sh2-101, a Nebulosa do Tulipán.

Categorías
Uncategorized

Pegadas navais no Océano Pacífico

Crédito da imaxe: NASATerraMODISTexto: Raymond Shaw (MTU)

Explicación: que son esas raias? Algunhas imaxes do planeta Terra amosan claras e brillantes raias que seguen a ruta dos barcos. Estas pegadas navais son bandas estreitas e baixas producidas polo escape dos motores dos barcos. O vapor de auga condensa en pequenas porcións dos gases de escape coñecidas como aerosois, que axiña medran en gotas de auga en flotación que reflexan moita da luz do sol. As pegadas navais descubríronse por primeira vez en 1965 nas imaxes da Terra tomadas polos satélites TIROS da NASA. Moitas pegadas navais son visibles na imaxe amosada aquí realizada no 2009 sobre o Océano Pacífico polo instrumento MODIS do satélite Terra da NASA. Inspirados polas pegadas navais, algúns científicos suxeriron que despregar unha rede de boias flotantes nos océanos que expulsen ao aire aerosois de auga mariña producirían coa axuda do vento nubes que reflexarían a luz solar. Para que facer isto? Estas nubes creadas polos humanos poderían reflexar unha gran cantidade de luz solar o que podería axudar na loita contra o quecemento global.

Categorías
Uncategorized

NGC 6188: os dragóns do altar

Crédito da imaxe e Copyright:Shaun Robertson

Explicación: peléxanse estes dragóns no altar do ceo? Aínda que poda parecer que si, estes dragóns son ilusións feitas de feble po e gas. A nebulosa de emisión NGC 6188, fogar destes nubes brillantes, atópase a uns 4 000 anos luz preto do extremo dunha gran nube molecular invisible en lonxitudes de onda da luz visible na constelación austral de Ara (o altar). Estrelas novas masivas da asociación OB1 de Ara formáronse nesa rexión fai tan só uns poucos millóns de anos, esculpindo as formas escuras e proporcionándolle enerxía ao brillo da nebulosa con ventos estelares e intensa radiación ultravioleta. A propia formación estelar recente foi probablemente iniciada por estes ventos e as explosións de supernovas de xeracións previas de estrelas masivas, que varreron e comprimiron o gas molecular. Xunto a NGC 6188 nesta paisaxe cósmica, visible abaixo á dereita, atópase a pouco común nebulosa de emisión NGC 6164, tamén xerada por unha das estrelas de tipo O máis masivas da rexión. Similar en aparencia a moitas nebulosas planetarias, a raiada envoltura simétrica de NGC 6164 e o seu feble halo envolven a súa brillante estrela central preto do extremo inferior. Este impresionante campo de visión abrangue máis de 2 graos no ceo (catro lúas cheas) o que corresponde a uns 150 anos luz á distancia estimada de NGC 6188.

Categorías
Uncategorized

O porvir da Vía Láctea: a colisión con Andrómeda

Crédito da imaxe: NASAESAZ. Levay eR. van der Marel (STScI); T. Hallas; e A. Mellinger

Explicación: chocará a Vía Láctea con Andrómeda, a súa galaxia veciña máis grande? O máis probable é que si. A análise detallada dos desprazamento das estrelas de M31 respecto ás galaxias distantes de fondo en recentes imaxes do Telescopio Espacial Hubble indican que o centro de M31 podería estar en rumbo directo de colisión ca nosa propia galaxia. Aínda así, os erros nas medidas de velocidade semellan o suficientemente grandes como para admitir unha boa probabilidade de que os centros das galaxias non choquen, pero o encontro será o suficientemente próximo para que os seus halos exteriores se enlacen gravitatoriamente. Unha vez que iso suceda, as dúas galaxias quedarán unidas nun baile unha ao redor da outra e eventualmente fusionaranse formando unha gran galaxia espiral, ao longo dos próximos miles de millóns de anos. Amósase aquí unha combinación de imaxes do ceo dun mundo (a Terra?) no futuro distante cando as partes exteriores das galaxias comecen a chocar. O futuro exacto da nosa Vía Láctea e de todo o Grupo Local de Galaxias seguirá sendo un tema de investigación nos próximos anos.