Categorías
Uncategorized

Satélites detrás dos pináculos

Crédito da imaxe e Copyright: Joshua Rozells

Explicación: Que son esas raias ao fondo? Trátase de trazas de satélites. En primeiro plano atopamos as formacións de rocha coñecidos como pináculos. Atopados no Parque Nacional de Nambung, en Australia Occidental, estas rochas do tamaño dunha persoa foron creados de xeito descoñecido por antigos organismos mariños. Pero se cadra, chama máis a atención o ceo de fondo. Todas as raias que se ven son os trazos deixados polo brillo dos satélites en orbita baixa ao reflexar a luz do Sol. Todas as trazadas foron capturadas coa mesma cámara ao longo de dúas horas e combinadas dixitalmente nunha soa imaxe, co primeiro plano fotografado tamén coa mesma cámara dende o mesmo lugar. A maior parte das raias correspóndense cos satélites de comunicación da constelación Starlink en desenvolvemento, pero non todos. En xeral, estas raias son indicativas do número crecente de satélites case continuamente visibles sobre a Terra despois do solpor e antes do amencer. Entender e eliminar os efectos das trazas dos satélites nas imaxes das cámaras e telescopios baseados no chan é agora importante non só para obter elegantes astrofotografías, se non para o entendemento científico da humanidade sobre o universo distante.