
Explicación: estas nubes de gas e po van á deriva a través de ricos campos estelares ao longo do plano da Vía Láctea cara a elevada constelación do Cisne. Son demasiado febles para ser ollados directamente, aínda nun ceo claro e escuro. Empregando datos de imaxes dunha cámara cun teleobxectivo e empregando filtros de banda estreita construíuse este campo de visión de 10 graos. O mosaico profundo revela unha rexión que inclúe nubes de po de formación estelar vistas en silueta contra o brillo de fondo característico do hidróxeno e o osíxeno gasosos. NGC 6888 é a nebulosa de emisión preto da parte superior. Soprada polos ventos dunha estrela masiva de tipo Wolf-Rayet, abrangue uns 25 anos luz de tamaño e é coñecida como a Nebulosa Crecente. O feble guecho azulado xusto por debaixo do centro do encadre é a pegada doutra estrela Wolf-Rayet. Queimando combustible a un ritmo vertixinoso e preto do final da súa vida estelar, ambas estrelas rematarán cunha prodixiosa explosión de supernova. Cara a dereita, unha estrela nova masiva de tipo O produce o brillo de Sh2-101, a Nebulosa do Tulipán.