Categorías
Uncategorized

NGC 6188: os dragóns do altar

Crédito da imaxe e Copyright:Shaun Robertson

Explicación: peléxanse estes dragóns no altar do ceo? Aínda que poda parecer que si, estes dragóns son ilusións feitas de feble po e gas. A nebulosa de emisión NGC 6188, fogar destes nubes brillantes, atópase a uns 4 000 anos luz preto do extremo dunha gran nube molecular invisible en lonxitudes de onda da luz visible na constelación austral de Ara (o altar). Estrelas novas masivas da asociación OB1 de Ara formáronse nesa rexión fai tan só uns poucos millóns de anos, esculpindo as formas escuras e proporcionándolle enerxía ao brillo da nebulosa con ventos estelares e intensa radiación ultravioleta. A propia formación estelar recente foi probablemente iniciada por estes ventos e as explosións de supernovas de xeracións previas de estrelas masivas, que varreron e comprimiron o gas molecular. Xunto a NGC 6188 nesta paisaxe cósmica, visible abaixo á dereita, atópase a pouco común nebulosa de emisión NGC 6164, tamén xerada por unha das estrelas de tipo O máis masivas da rexión. Similar en aparencia a moitas nebulosas planetarias, a raiada envoltura simétrica de NGC 6164 e o seu feble halo envolven a súa brillante estrela central preto do extremo inferior. Este impresionante campo de visión abrangue máis de 2 graos no ceo (catro lúas cheas) o que corresponde a uns 150 anos luz á distancia estimada de NGC 6188.