Categorías
Uncategorized

Ao sur de Orión

Crédito da imaxe e Copyright:Vikas Chander

Explicación: ao sur da gran rexión de formación estelar coñecida coma a Nebulosa de Orión atópase a nebulosa azul de reflexión NGC 1999. Na beira do complexo da nube molecular de Orión, a 1 500 anos luz de distancia, a iluminación de NGC 1999 é producida pola estrela variable V380 Orionis que se atopa somerxida nela. A nebulosa está marcada por unha forma de T no centro desta vista telescópica que abrangue unhas dúas lúas cheas no ceo. A súa forma escura asumiuse anteriormente que era unha nube de po vista en silueta. Pero datos no infravermello suxiren que a forma débese probablemente a un buraco soprado na propia nebulosa por enerxéticas estrelas novas. De feito, nesta rexión abundan estrelas novas moi enerxéticas que producen chorros e expulsións de material con luminosas ondas de choque. Catalogadas como obxectos Herbig-Haro (HH), alcumadas en referencia aos astrónomos George Herbig e Guillermo Haro, as ondas de choque amosan intensos tons vermellos. HH1 e HH2 están xusto por debaixo e á dereita de NGC 1999. HH222, tamén coñecida como a Nebulosa da Fervenza semella un corte vermello preto da parte superior dereita do encadre. Para crear ondas de choque os chorros estelares ábrense paso a través do material a velocidades de centros de quilómetros por segundo.