Categorías
Uncategorized

Primeiro plano do Cometa Leonard dende Australia

Crédito da imaxe e Copyright: Blake Estes (itelescope.net)

Explicación: como é o Cometa Leonard de cerca? Aínda que non podemos ir ata alá, as imaxes da cola e a coma do cometa feitas con pequenos telescopios dannos unha boa idea. Como o seu nome indica, a cola ionizada está composta por gas ionizado pola luz ultravioleta do Sol que é empurrada polo vento solar. O vento solar está moi estruturado e esculpido polo complexo e cambiante campo magnético do Sol. O efecto do vento solar variable combinado cos chorros de gas que saen do núcleo do cometa danlle á cola a súa complexa estrutura. Seguindo o vento, esta estrutura da cola do Cometa Leonard pode verse como se move cara ao exterior dende o Sol e como altera a súa forma ondulada durante o tempo. A cor azul na cola ionizada débese fundamentalmente á recombinación de moléculas de monóxido de carbono, mentres que a cor verde da coma que arrodea a cabeza do cometa débese principalmente a unha pequena cantidade de moléculas de carbono diatómicas recombinándose. O carbono diatómico é destruído pola luz solar nunhas 50 horas, por isto o brillo verde da coma non chega á cola ionizada. A imaxe amosada foi realizada o 2 de xaneiro dende o Observatorio de Siding Spring en Australia. O Cometa Leonard, que é visible con maior claridade dende o hemisferio sur, xa deu a volta ao Sol e agora diríxese cara o exterior do Sistema Solar.