Categorías
Uncategorized

O cinto de Orión en po e gas

Crédito da imaxe e Copyright: Matt Harbison (Space4Everybody), Marathon Remote Imaging Observatory

Explicación: pode que viras o cinto de Orión antes, pero non como aquí. As tres estrelas brillantes que cruzan esta imaxe son de esquerda a dereita: Mintaka, Alnilam e Alnitak, as icónicas estrelas do cinto de Orión. As outras estrelas da imaxe foron eliminadas dixitalmente para destacar as nubes de gas brillante e po escuro. Algunhas destas nubes teñen formas intrigantes, incluíndo as nebulosas Cabeza de Cabalo e da Chama, as dúas preto de Alnitak abaixo á dereita. Esta imaxe profunda realizouse o mes pasado dende o Observatorio de Marathon en Texas, EUA. A imaxe abrangue 5 graos e requiriu sobre 20 horas de exposición, e foi procesada para revelar o gas e o po que realmente veríamos se estivéramos máis preto. A famosa Nebulosa de Orión atópase fora deste colorido campo arriba á esquerda. Toda a rexión atópase a tan só 1 500 anos luz de distancia, polo que é unha das máis próximas e estudadas rexións de formación estelar coñecidas.