Categorías
Uncategorized

Piar de luz sobre o Etna

Crédito da imaxe e Copyright: Giancarlo Tinè

Explicación: que sucede sobre o volcán? Algo moi extraordinario, un piar de luz volcánica. Normalmente, os piares de luz cáusaos a luz solar e aparecen como unha columna brillante que sube por enriba do Sol durante o amencer ou no solpor. Alternativamente, outros piares de luz, algúns deles moi coloridos, foron vistos sobre as luces da rúa ou en casas. Este piar de luz está iluminado pola luz vermella que emite o magma incandescente dun volcán en erupción. O volcán é o Monte Etna, en Italia, e a imaxe amosada realizouse nunha soa toma unhas poucas horas despois do solpor a mediados de xuño. As frías temperaturas sobre a nube de cinzas volcánicas xerou cristais de xeo nos cirros a gran altura sobre o volcán ou na condensación do vapor de auga expulsado polo propio Monte Etna. Estes cristais, a maioría deles planos respecto do chan pero en movemento reflexan a luz provinte da caldeira do volcán.