Categorías
Uncategorized

M33: A Galaxia do Triángulo

Créditos e Copyright: Bernard Miller

Explicación: A pequena e septentrional constelación do Triángulo acolle esta magnífica galaxia espiral, M33. Os seus nomes populares inclúen a Galaxia do Molinete ou simplemente a Galaxia do Triángulo. M33 ten uns 50.000 anos luz de diámetro, a terceira máis grande das galaxias do Grupo Local despois da Galaxia de Andrómeda (M31) e a nosa propia Vía Láctea. A uns 3 millóns de anos luz de distancia da Vía Láctea, pénsase que M33 é por si mesma un satélite da Galaxia de Andrómeda e que os astrónomos nestas dúas galaxias terían probablemente vistas espectaculares dos grandes sistemas estelares espirales do outro. No tocante á vista dende o planeta Terra, esta nítida imaxe amosa os cúmulos estelares azuis de M33 e as rexións rosáceas de formación de estrelas ó longo dos brazos espiráis da galaxia. De feito, a cavernosa NGC 604 é a rexión de formación máis brillante, vista aquí na posición das 4 en punto dende o centro da galaxia. Ó igual que M31, a ben medida poboación de estrelas variables de M33 axudou a construir desta cercana espiral unha vara de medir cósmica para o establecemento da escala de distancias do Universo.