Categorías
Uncategorized

Unha fervenza e a Vía Láctea

Crédito da imaxe e Copyright: Xie Jie

Explicación: o soño era capturar a fervenza e a Vía Láctea xuntas. As dificultades incluían atopar unha boa localización para a cámara, iluminar artificialmente a fervenza e o val que a rodea, capturar toda a escena con múltiples tomas do fondo e o primeiro plano, ter conta de que os vagalumes non foran unha distracción, manter a cámara seca e evitar pisar unha serpe velenosa. Aquí o resultado, realizado despois da medianoite a mediados de xullo e convertido dixitalmente nunha panorámica de gran angular. A fervenza é a pintoresca fervenza de Zhulian, nas montañas Luoxiao ao leste da Provincia de Hunan, en China. A banda central da Vía Láctea atravesa o ceo e amosa numerosos filamentos de po escuro e nebulosas cheas de cor. As estrelas brillantes, todas residentes na Vía Láctea, enchen o ceo incluíndo o Triángulo de Verán coa brillante Vega visible sobre o arco da Vía Láctea. Despois de capturar tódalas 78 exposicións, o fotógrafo e os seus amigos desfrutaron eles mesmos destas vistas durante o resto da noite.