Categorías
Uncategorized

NGC 7822: un interrogante cósmico

Crédito da imaxe e Copyright: Yizhou Zhang

Explicación: parece un signo de interrogación de tamaño cósmico, pero a gran pregunta é como esta brillante nebulosa de gas e po conta unha historia de formación estelar. No borde desta xigantesca nube de gas molecular cara a constelación setentrional de Cefeo, a brillante rexión de formación estelar NGC 7822 atópase a máis de 3 000 anos luz de distancia. Nesta nebulosa, os extremos brillantes e as formas escuras destacan nesta detallada imaxe chea de cor. O mosaico de 9 paneis realizados durante 28 noites cun pequeno telescopio en Texas inclúe datos de filtros de banda estreita cos que se captura a emisión do osíxeno, hidróxeno e xofre atómicos en tons azuis, verdes e vermellos. Estas liñas de emisión e a combinación de cores convertéronse na ben coñecida paleta do Hubble. A emisión atómica é provocada pola enerxética radiación das estrelas quentes centrais. Os seus poderosos ventos e radiación esculpen e erosionan as formas de columna máis densas e xeran o característico claro de varios anos luz de tamaño no centro da nube orixinaria. Aínda pode existir formación estelar no interior das columnas debido ao colapso gravitacional pero estas columnas estanse erosionando de xeito que calquera estrela en formación será desprazada deste encoro de material estelar. Este campo de visión abrangue máis de 40 anos luz á distancia estimada de NGC 7822.