Categorías
Uncategorized

NGC 4676: cando os ratos chocan

Crédito da imaxe: NASAESA, Hubble; Procesado e Copyright: William Ostling (The Astronomy Enthusiast)

Explicación: estas dúas poderosas galaxias estanse a desfacer unha á outra. Coñecidas como os Ratos polas súas longas colas, estas dúas galaxias espirais atravesáronse mutuamente. As longas colas están xeradas pola diferencia de atracción gravitatoria entre as partes máis próximas e máis afastadas de cada galaxia. Como as distancias son tan grandes a interacción cósmica sucede a cámara lenta durante centos de millóns de anos. NGC 4676 atópase a 300 millóns de anos luz de distancia cara a constelación da Cabeleira de Berenice (Coma Benerices) e son probablemente membros do Cúmulo de Galaxias da Coma. A imaxe amosada realizouse coa Cámara Avanzada de Cartografado do Telescopio Espacial Hubble en 2002. Estes ratos galácticos probablemente choquen unha e outra vez durante os próximos mil millóns de anos, tirando unha da outra continuamente ata que se produza a súa coalescencia formando unha única galaxia.