Categorías
Uncategorized

Estalido de perseidas en Westmeath Lookout

Créditos da imaxe e Copyright: Pierre Martin

Explicacion: Este ano un estourido de meteoros das Perseidas sorprendeu ós olladores do ceo. O máximo da fiable chuvia de meteoros predíxose para a noite do 12 ó 13 de agosto. Pero os persistentes observadores visuais de Norteamérica víronse anegados cun sorprendente estalido da chuvia de Perseidas un día despois, con informes de múltiples meteoros por minuto e algunhas veces por segundo nas primeiras horas do 14 de agosto. O radiante da chuvia está no alto dun escuro ceo nocturno nesta imaxe composta. Rexistra minuciosamente as trazas de 282 Perseidas capturadas durante o impresionante estalido de actividade entre as 06:50 UT (02:50am EDT) e as 09:00 UT (05:00am EDT) do 14 de agosto dende Westmeath Lookout, Ontario. Por suposto, a chuvia anual de meteoros asociase co paso do planeta Terra a través dos restos de po do cometa periódico 109P/Swift-Tuttle. O estadlido de 2021 podería causarse por un encontro imprevisto do Filamento das Perseidas, unha cinta de po máis densa no interior da zona de refugallos máis extensa.

Categorías
Uncategorized

Lúa de colleita

Crédito da imaxe e Copyright:Mike Cohea

Explicación: famosa por festivais, historias e cancións, a lúa chea máis coñecida posiblemente sexa a Lúa de colleita (Harvest Moon). No hemisferio norte este é o nome tradicional para a Lúa chea máis próxima ao equinoccio de setembro. Vista dende Saunderstown, Rhode Island, planeta Terra, esta Lúa de colleita deixa un ancho ronsel de tons cálidos ao elevarse no luscofusco sobre a ponte de Newport. O 20 de setembro a Lúa foi fotografada nunha única exposición de 22 minutos usando un filtro denso e unha cámara dixital. Só dous días máis tarde en setembro o equinoccio marcou o cambio de estación e o comezo do outono no hemisferio norte. De feito, sendo unha estación o tempo entre o solsticio e o equinoccio, esta Lúa de colleita foi a cuarta lúa chea da estación, xusto despois do final astronómico do verán no hemisferio norte.

Categorías
Uncategorized

Equinoccio na Terra

Crédito do video: Meteosat 9NASAearthobservatoryRobert Simmon

Explicación: cando se volve vertical a liña que separa a noite e o día? Hoxe. Hoxe é o equinoccio na Terra, un momento no ano cando o día e a noite son case iguais. No equinoccio, o terminador da Terra, a liña que divide o día e a noite, vólvese vertical e conecta o polo norte co polo sur. No video en time-lapse demóstrase isto amosando un ano enteiro no planeta Terra en 12 segundos. Dende a órbita xeosíncrona, o satélite Meteosat 9 gravou estas imaxes da Terra no infravermello tódolos días á mesma hora local. O vídeo comeza no equinoccio de setembro de 2010 co terminador sendo unha liña vertical. Cando a Terra xira ao redor do Sol, o terminador inclínase de tal xeito que cada vez hai menos luz solar no hemisferio norte, causando o inverno. Cando o ano progresa e chega a marzo de 2011, o equinoccio chega de novo na metade do vídeo seguido do terminador inclinándose no outro sentido, causando o inverno no hemisferio sur e o verán no norte. O ano reflexado no vídeo finaliza de novo no equinoccio de setembro, concluíndo outro dos miles de millóns de órbitas ca Terra xirou (e xirará) ao redor do Sol.

Categorías
Uncategorized

Manchas solares no outeiro

Crédito da imaxe e Copyright: Jordi Coy

Explicación: a bola laranxa vai baixar rodando polo outeiro? Non, por que a bola laranxa xigante é en realidade o noso Sol. A estrela central do noso Sistema Solar aparece nesta imaxe saíndo por detrás dun outeiro na Terra fai 12 días neste primeiro plano perfectamente detallado. O disco do Sol amosa 5 manchas solares, bastantes considerando que durante o mínimo de actividade solar dos últimos anos apenas houbo manchas. Unha ollada de preto ao outeiro Sierra del Cid en Petrel, España, revela non só a silueta dos piñeiros se non tamén a silueta de persoas, casualmente os tres irmáns do fotógrafo. As árbores e os irmáns atópanse a 3.5 quilómetros de distancia durante esta ben planificada imaxe tomada de mañá nunha soa exposición. Un filtro escuro anula o brillo do Sol e revela con gran detalle as manchas solares. Nuns minutos, o Sol elevouse por riba do outeiro, mentres que nunha semana as manchas rotaron ao redor do Sol ata desaparecer da vista. Pero a escena capturada na fotografía está agora conxelada no tempo para o desfrute de todos.

Categorías
Uncategorized

A Nebulosa Escura Lynds 1251

Créditos da imaxe e Copyright: Cristiano Gualco

Explicación: As estrelas están a formarse na Nebulosa Escura Lynds (LDN) 1251. A uns 1.000 anos luz de distancia e movéndose por riba do plano da nosa galaxia Vía Láctea, a poirenta nube molecular é parte dun complexo de nebulosas escuras mapeadas en dirección á rexión do Fulgor de CepheusÓ longo do espectro, as exploracións astronómicas das nubes interestelares escuras revelan golpes enerxéticos e fluxos asociados con estrelas recén nacidas, incluido o fulgor avermellado delator dos obxectos Herbig-Haro espallados na imaxe. As galaxias lonxanas do fondo tamén asexan na escea, case que enterradas trala poirenta extensión. Esta atractiva vista espállase mais de 2 lúas cheas no ceo, ou 17 anos luz á distancia estimada a LDN 1251.