Categorías
Uncategorized

Chorro xigante dende Porto Rico

Crédito do vídeo e Copyright: Frankie Lucena

Explicación: viches algunha vez un chorro xigante coma este? Son extremadamente raros pero moi potentes. Estes chorros xigantes son un tipo de lóstrego só documentados durante este século que ocorren entre algunhas treboadas eléctricas e a ionosfera terrestre sobre elas. Na imaxe ilústrase a parte media e superior dun destes chorros capturado a semana pasada por unha cámara detectora de lóstregos e meteoritos en Puerto Rico, EUA. O chorro percorreu ao redor de 70 quilómetros en menos dun segundo. Os chorros xigantes son moi diferentes dos lóstregos que xorden entre nubes ou entre unha nube e o chan. A parte inferior dos chorros xigantes son semellantes en aparencia a outro tipo de lóstregos chamados chorros azuis que tamén saen dende unha nube cara arriba, pero a parte superior do chorro é máis semellante aos espectros vermellos que suceden na alta atmosfera. Aínda que o mecanismo e causa destes chorros xigantes é un tema de estudo, está claro que os chorros reducen o desequilibrio de carga entre as diferentes zonas da atmosfera terrestre. Un bo modo de buscar estes chorros xigantes é observar unha treboada eléctrica potente dende a distancia nun lugar que permita vela con claridade.