Categorías
Uncategorized

Vídeo: Flash en Xúpiter

Crédito do vídeo e Copyright: T. Humbert, S. Barré, A. Desmougin e D. Walliang (Société Lorraine d’Astronomie), Astroqueyras

Explicación: houbo un flash en Xúpiter. Fai uns días varios grupos que monitorizan o maior planeta do noso Sistema Solar déronse conta dun estoupido de luz de dous segundos de duración. Flashes coma este víronse con anterioridade coa ben coñecida serie de impactos de 1994. Naquel tempo, fragmentos do cometa Shoemaker-Levy 9 impactaron en Xúpiter deixando marcas escuras que duraron varios meses. Dende entón rexistráronse alo menos 7 impactos en Xúpiter, normalmente descubertos por astrónomos afeccionados.  No vídeo amosado, as variacións na atmosfera da Terra provocan que a imaxe de Xúpiter escintile cando de súpeto un flash brillante aparece xusto á esquerda do centro. Io e a súa sombra vense tamén á dereita. Probablemente nunca saberemos o que era o obxecto que impactou con Xúpiter, pero tendo en conta o que sabemos do noso Sistema Solar próximo, tratarase probablemente dun anaco de rocha e xeo, posiblemente do tamaño dun autobús, desprendido fai moito tempo dun asteroide ou cometa.