Categorías
Uncategorized

NGC 7023: a Nebulosa Iris

Créditos da imaxe e CopyrightSatwant Kumar

Explicación: Estas nubes cósmicas floreceron a 1.300 anos luz de distancia, nos fecundos campos de estrelas da constelación de Cefeo. Chamada Nebulosa Iris, NGC 7023 non é a única nebulosa que evoca imaxes de flores. Non obstante, esta imaxe telescópica profunda amosa o rango de cores e simetrías da Nebulosa Iris, incrustada nos campos circundantes de po interestelar. Dentro da propia Iris, o material nebular poirento rodea unha quente e xoven estrela. A cor dominante da nebulosa de reflexión máis brillante é azul, característico dos grans de po que reflicten a luz da estrela. Os filamentos centrais da nebulosa de reflexión brillan cunha feble fotoluminiscencia avermellada, posto que algúns grans de pó converten eficazmente a radiación ultravioleta invisible da estrela en luz visible vermella. As observacións infravermellas indican que esta nebulosa contén moléculas de carbono complexas coñecidas coma PAHs. Os poirentos pétalos azuis da Nebulosa Iris espállanse uns 6 anos luz.