Categorías
Uncategorized

Elefante, morcego e lura

Créditos da imaxe e CopyrightPatrick Hsieh

Explicación: As nebulosas de emisión IC 1396 e Sh2-129 mesturan gas interestelar brillante e nubes de pó escuras neste campo de visión de 10 grados cara a constelación septentrional de Cefeo o Rey. Enerxizada pola súa estrela central azulada IC 1396 (esquerda) ten centos de anos luz de diámetro e atópase a uns 3.000 anos luz de distancia. As intrigantes formas escuras da nebulosa popularmente coñecidas coma a Trompa do Elefante están abaixo e á dereita do centro. Con decenas de anos luz de lonxitude, contén a materia prima para a formación de estrelas e sábese que oculta protoestrelas no seu interior. Localizada a unha distancia similar do planeta Terra, os brillantes nós e as crestas de emisión de Sh2-129 na dereita suxiren o seu nome popular, a Nebulosa do Morcego Voador. No interior do Morcego Voador, a inclusión máis recente a este zoolóxico real cósmico é a feble emisión azulada dende Ou4, a nebulosa da Lura Xigante.