Categorías
Uncategorized

NGC 7814: Pequeno Sombreiro con supernova

Crédito da imaxe e CopyrightCHART32 Team

Explicación: apunta o teu telescopio cara a constelación de Pegaso e poderás atopar esta extensión das estrelas da Vía Láctea e outras galaxias distantes. NGC 7814 aparece no centro deste bonito campo de visión que case abrangue o tamaño dunha Lúa chea. NGC 7814 é coñecida ás veces como o Pequeno Sombreiro polo seu parecido á famosa Galaxia do Sombreiro, M104. Ambas galaxias, a do Sombreiro e o Pequeno Sombreiro son galaxias espirais vistas de lado e as dúas teñen grandes halos e bulbos centrais perfilados por un fino disco con liñas de po máis delgadas. De feito, NGC 7814 atópase a uns 40 millóns de anos luz e abrangue uns 60 000 anos luz de tamaño. Deste xeito, realmente o Pequeno Sombreiro tería o mesmo tamaño físico que a máis coñecida Galaxia do Sombreiro, e simplemente semella máis feble e pequena por estar a unha maior distancia. Nesta imaxe de telescopio do 17 de xullo, NGC 7814 conta cunha supernova recentemente descuberta, resaltando na imaxe á esquerda do núcleo da galaxia. Clasificada como SN 2021rhu, a explosión estelar identificouse como unha supernova de tipo Ia, o cal resulta útil para calibrar a escaleira de distancias do Universo.