Categorías
Uncategorized

Ganímedes dende Juno

Créditos da imaxe: NASA/JPL-Caltech/SwRI/MSSS; Procesado e LicenciaKevin M. Gill;

Explicación: ¿Cómo é a lúa máis grande do Sistema Solar? Ganímedes, a lúa máis grande de Xúpiter, máis grande incluso que Mercurio e Plutón, ten unha superfice xeada salpicada con novos brillantes cráteres sobre unha mixtura de terreo máis antigo, máis escuro e con máis cráteres con sucos e crestas. A causa do terreo estriado segue a ser un tema de investigación, cunha das principais hipóteses relacionándoo co desprazamento das placas de xeo. Pénsase que Ganímedes ten unha capa oceánica que contén máis auga que a Terra — e que podería albergar vida. Ó igual que a Lúa da Terra, Ganímedes mantén a mesma faciana cara o seu planeta central, neste caso Xúpiter. A imaxe destacada tomouna a pasada semana a sonda espacial da NASA Juno cando pasou só a 1.000 quilómetros sobre a inmensa lúa. O pase a carón reduciu o periodo orbital de Juno arredor de Xúpiter de 53 a 43 días. Juno continúa a estudar a alta gravidade do planeta xigante, o inusual campo magnético e as complexas estruturas de nubes.