Categorías
Uncategorized

Halo solar circular

Créditos da imaxe e Copyright: Vincenzo Mirabella

Explicación: Queres ver un anel ao redor do Sol? É fácil velo polo día no ceo en todo o mundo. Creados por cristais de xeo orientados aleatoriamente nos finos cirros a gran altura, os halos circulares son visibles moito máis a cotío que os arcos da vella. O halo amosado na imaxe capturouse coa cámara dun smartphone o 29 de maio preto de Roma, Italia. Bloqueando coidadosamente o Sol cun dedo por exemplo, é todo o que se precisa para revelar un halo típico. O radio angular característico do halo é aproximadamente igual ao tamaño da túa man, dende o polgar ata o maimiño ao final do teu brazo estarricado. Queres ver a eclipse dun anel de lume? Iso é máis complicado. A espectacular fase anular da eclipse solar de hoxe (10 de xuño), coñecida como anel de lume, foi visible brevemente só ao pararse ao longo da estreita traxectoria da sombra da Lúa ao pasar sobre áreas do norte de Canadá, Groenlandia, o Ártico e o leste de Rusia. Aínda que se tratou dunha eclipse solar parcial, veuse dende moitas rexións da Terra, como o norte de Asia, Europa e algunhas zonas de Estados Unidos.