Categorías
Uncategorized

As nubes expandíndose de AG Car

Crédito da imaxe: NASAESASTScI; Procesado: Judy Schmidt; Texto: Anders Nyholm

Explicación: que creou estas nubes tan extraordinarias? No centro desta imaxe do Hubble de 2021 atópase AG Carinae, unha estrela superxigante localizada a uns 20 000 anos luz na constelación austral de Carina. A enerxía emitida pola estrela é máis dun millón de veces a do Sol, facendo de AG Carinae unha das estrelas máis luminosas na nosa Vía Láctea. AG Carinae e a súa veciña Eta Carinae pertencen ao escaso grupo de estrelas da clase de Azuis Luminosas Variables (LBV), coñecidas polas súas estrañas pero violentas erupcións. A nebulosa que envolve AG Car interprétase como o remanente dun ou máis desdes estalidos. Esta nebulosa abrangue uns 5 anos luz e estímase que contén unhas 10 masas solares en gas e polo menos tería 10 000 anos de antigüidade. Esta imaxe do Hubble, tomada como celebración do 31 aniversario do seu lanzamento é a primeira imaxe capturada da nebulosa enteira e ofrece unha nova perspectiva da súa estructura e contido de po. As LBV representan unha tardía pero corta etapa das vidas de algunhas estrelas superxigantes, pero explicar o seu comportamento é un desafio para o entendemento da humanidade de como funcionan as estrelas masivas.