Categorías
Uncategorized

A galaxia, o chorro e o famoso buraco negro

Créditos da imaxe: NASAJPL-CaltechEvent Horizon Telescope Collaboration

Explicación: a brillante galaxia elíptica Messier 87 (M87) é o fogar do buraco negro supermasivo fotografado dende a Terra polo Event Horizon Telescope (Telescopio do Horizonte de Sucesos) na primeira imaxe realizada dun buraco negro. No cúmulo galáctico de Virgo a uns 55 millóns de anos luz, M87 é unha gran galaxia visible en tons azulados nesta imaxe no infravermello realizada polo telescopio espacial Spitzer. Aínda que M87 amósase sen detalles destacados e semella unha nube, a imaxe de Spitzer tamén captura detalles dos chorros relativistas que xorden dende a rexión central da galaxia. Amosados na imaxe insertada arriba á dereita, os chorros espállanse por miles de anos luz. O chorro máis brillante á dereita aproxímase á nosa liña de visión. No lado oposto, o choque xerado polo outro chorro non visible ilumina un feble arco de materia. A imaxe insertada abaixo á dereita trátase da histórica imaxe do buraco negro amosada aquí en contexto no centro da galaxia xigante xunto aos chorros relativistas. Imposible de resolver para Spitzer, o buraco negro supermasivo atópase rodeado de material caendo que proporciona a inmensa enerxía que impulsa os chorros relativistas dende o centro activo de M87.