Categorías
Uncategorized

M64: a galaxia do Ollo Negro

Créditos da imaxe: ESA/Hubble & NASA & the PHANGS-HST Team
AgradecementosJudy Schmidt

Explicación: Quen sabe que maldade se esconde nos ollos das galaxias? O Hubble sábeo, ou no caso da galaxia espiral M64 está a axudar a pescudalo. Messier 64, tamén coñecida como a galaxia do Ollo Negro ou da Bela Dormente, pode parecer que ten o mal no ollo porque todas as súas estrelas viran na mesma dirección que o gas interestelar na rexión central da galaxia, pero na dirección oposta nas rexións exteriores. Captadas aquí con gran detalle polo telescopio espacial Hubble, en órbita terrestre, as enormes nubes de po escurecen o lado próximo da rexión central de M64, que está salpicado do revelador brillo avermellado do hidróxeno asociado á formación de estrelas. M64 atópase a uns 17 millóns de anos luz de distancia, o que significa que a luz que vemos hoxe en día partiu cando o último devanceiro común entre humanos e chimpancés vagaba pola Terra. O ollo cheo de po e a estraña rotación son probablemente o resultado dunha fusión de dúas galaxias diferentes fai mil millóns de anos.