Categorías
Uncategorized

Os meteoros das Xemínidas

Créditos da imaxe e Copyright:Stefano Pellegrini

Explicación: esta postal da Terra creouse a partires de 35 exposicións tomadas ao longo dunha hora pouco despois da medianoite do 13 de decembro. A composición amosa unha escea nocturna sobre as nevadas Dolomitas en Italia durante a choiva de meteoros anual das Xemínidas. Sirio, a estrela principal do Can Maior e a estrela máis brillante da noite é rabuñada polos meteoros á dereita da imaxe. O cúmulo estelar do Presebe, tamén coñecido como M44 ou o Cúmulo da Colmea, contén ao redor dun milleiro de estrelas pero aparece como unha pequena mancha de luz por enriba dos picos preto da parte superior. O radiante da choiva de meteoros localizase fora da parte superior da imaxe, preto de Castor e Pollux, as estrelas xemelgas da constelación dos Xemelgos. O efecto radiante débese á perspectiva, pois o percorrido paralelo dos meteoros semella converxer nun punto lonxano. Cando a Terra atravesa o ronsel de po do asteroide 3200 Faetón, o po que xenera os meteoros das Xemínidas entra na atmosfera terrestre viaxando a uns 22 quilómetros por segundo.