Categorías
Uncategorized

Galaxia espiral M63

Créditos da imaxe e CopyrightFabian Neyer, Rainer Spani
Créditos da colaboración: I.D. Karachentsev, F. Neyer, R. Spani, T. Zilch

Explicación: a brillante galaxia do hemisferio norte, Messier 63, atópase a uns 30 millóns de anos luz cara a leal constelación dos Cans de Caza. Tamén catalogada como NGC 5055, este maxestuoso universo aillado abrangue uns 100 000 anos luz, moi semellante á nosa Vía Láctea. O brillante núcleo e os impresionantes brazos espirais danlle á galaxia o seu nome popular, a Galaxia Xirasol. Esta exposición profunda excepcional tamén mostra febles ronseis de estrelas con forma de arco no halo da galaxia. Estendéndose máis de 180 000 anos luz dende o centro galáctico, os ronseis de estrelas son probablemente o resto de galaxias satélite esnaquizadas polas forzas de marea de M63. Outras galaxias satélite de M63 poden albiscarse nesta destacada imaxe de campo amplo feita cun pequeno telescopio, incluíndo cinco febles galaxias ananas indentificadas recentemente, que contribuirán ao ronsel de estrelas que acompaña a M63 durante os próximos miles de millóns de anos.