Categorías
Uncategorized

A complexa cola do cometa Neowise

Créditos da imaxe e copyright: Zixuan Lin (Beijing Normal U.)

Que está creando a estrutura na cola do cometa Neowise?

Das dúas evidentes colas, a cola de ións azul apunta directamente na dirección na que se afasta do Sol, orixinándose polo fluxo de cargas do vento solar. Esta estrutura da cola de ións aparece debido a diferentes coeficientes de expulsión de ións que desprenden luz azul provenientes do núcleo do cometa, así como á sempre complexa e continuamente cambiante estrutura dese vento creado polo noso Sol.

Máis inusual para o cometa  C/2020 F3 (NEOWISE), en cambio, é a estrutura ondulada da súa cola de po. Esta cola de po é despregada pola luz solar, e cúrvase porque as partículas de po máis pesadas son máis capaces de resistir esta presión da luz e continúan seguindo unha órbita solar. As impresionantes estrías da cola de po do cometa Neowise non son comprendidas de todo, aínda que parecen estar relacionadas con correntes de rotación de micro partículas de rochas, que reflicten a luz solar ao ser liberadas pola fusión do xeo do seu núcleo de cinco quilómetros de anchura.

A imaxe que se amosa é un conglomerado de corenta imaxes, ensambladas dixitalmente, tomadas hai tres días nos escuros ceos do Deserto do Gobi, na Mongolia Interior, China.

O cometa Neowise fará a súa máxima aproximación á terra mañá, mentres se arreda do Sol. O cometa, xa esvaecendo pero aínda visible a ollo nu, debería desaparecer máis rapidamente a medida que se afasta da Terra.

Imaxes notables enviadas ao APOD no mes de Xullo:

21 || 20 || 19 || 18 || 17 || 16 || 15 || 14 || 13 || 12 || 11 || 10 e antes ||

Categorías
Uncategorized

Ferro na nebulosa Bolboreta

Créditos da Imaxe: NASA, ESA, Hubble; Procesado e licenza: Judy Schmidt

Explicación: poden as estrelas, como se fosen eirugas, transformarse en bolboretas? Non, pero no caso da Nebulosa da Bolboreta seméllao. A pesares de que a súa envergadura cobre 3 anos luz e a temperatura estimada na súa superficie supera os 200.000 ºC, a moribunda estrela central de NGC 6302, a futura nebulosa planetaria, volveuse excepcionalmente quente, refulxindo intensamente no espectro visible e ultravioleta pero oculta da visión directa por un denso toro de po. Este nítido primeiro plano foi obtido polo Telescopio Espacial Hubble e reprocesado aquí para mostrar os notables detalles da complexa nebulosa planetaria, resaltando en particular a luz emitida polo ferro, amosado en vermello. NGC 6302 atópase a uns 4 000 anos luz na constelación aracnoloxicamente correcta do Escorpión (Scorpius). As nebulosas planetarias evolucionan a partires das atmósferas externas de estrelas como o noso Sol, pero xeralmente desvanécense nuns 20 000 anos.

Categorías
Uncategorized

Cometa NEOWISE e nebulosas


Créditos da imaxe & Copyright: Jarek Oszyw

Explicación: Afrontarías animais salvaxes para fotografar este ceo? Un astrofotógrafo fíxoo e todas e todos recollemos a recompensa. En primeiro lugar, temos miles de estrelas á vista, incluídas moitas das máis brillantes e abraiantemente azuis. A maiores, vense varias nebulosas vermellas brillantes, entre elas a Nebulosa de California á dereita, e, enriba dela, as Nebulosas do Corazón e da Alma. Mais a verdadeira razón para encarar a fauna salvaxe local foi o Cometa NEOWISE, visíbel á esquerda. Na composición de exposicións longas tomadas a pasada semana, a cola iónica azul brillante do Cometa NEOWISE apunta cara a arriba, oposta ao Sol nacente, mentres que a cola de po que reflicte a luz do Sol apunta á dereita. A imaxe combina tres exposicións obtidas de forma consecutiva durante dez minutos desde a mesma localización preto de MiedzygórzePoland. Unha estrada de terra iluminada pola Lúa sinala o camiño e vense os Montes Śnieznik sobre o horizonte. O cometa C/2020 F3 (NEOWISE) pasa polo punto máis próximo á Terra esta semana, e logo diso a bola de xeo sucio, de 5 quilómetros de largo e en evaporación, irá esvaecendo ao regresar ao Sistema Solar exterior.

Categorías
Uncategorized

Lúa en rotación desde o LRO

Créditos do vídeo: NASA, LRO, Arizona State U.

Explicación: Ninguén, a día de hoxe, ve a lúa rotando deste xeito. Iso é porque a cara que nos ofrece a Lúa está atada á terra nun baile que segue o ritmo das mareas, ofrecéndonos sempre o mesmo rostro. Porén, coa tecnoloxía dixital moderna combinada con miles de detalladas imaxes enviadas polo Orbitador de Recoñecemento Lunar (Lunar Reconaissence Orbiter, LRO) creouse unha película virtual do movemento de rotación da Lúa en alta resolución. A liña de tempo do vídeo comeza coa vista ordinaria da Lúa desde a Terra. En cambio, axiña o Mar Oriental, un gran cráter cun centro escuro que é dificil de ollar desde a Terra, rota para se ver xusto por baixo do Ecuador. Durante un mes lunar enteiro, condensado en 24 segundos, o vídeo amosa con claridade que a cara da Lúa que vemos desde a Terra contén abondosos mares lunares, mentres que a cara oculta está dominada polas chamadas “Terras Altas da Lúa” (serras e chairas elevadas). A día de hoxe, desenvólvense unhas dezanove misións á Lúa de diferentes países, a maioría delas con data de lanzamento nos tres próximos anos.

Categorías
Uncategorized

Atopar o NEOWISE

Créditos da imaxe e Copyright:Tom Masterson

Se chegas a ver as estrelas do Carro Maior podes atopar o cometa NEOWISE esta noite no teu ceo nocturno. Tralo solpor procura o cometa, a simple vista, por baixo do cazo do famoso utensilio de cociña do ceo setentrional e por riba do horizonte noroccidental. Estás a buscar unha “estrela” borrosa cunha cola, aínda que probablemente non tan longa como nesta instantánea de ceos claros tirada desde Los Padres National Forest en California na noite do 16 de xullo. As imaxes recentes do C/2020 F3 (NEOWISE) adoitan amosar a ampla cola de po deste cometa e una cola iónica máis feble e separada que se estenden máis lonxe do que o ollo consegue albiscar. Afeccionados do ceo de todo o mundo andan encantados con atopar o visitante inesperado que procede do Sistema Solar exterior.

Imaxes do cometa NEOWISE: 17 de xullo| 16 de xullo| xullo 15 | xullo 14 | xullo 13 | xullo 12 | xullo 11 | xullo 10 e antes |