Categorías
Uncategorized

Rigel e a Cabeza da Meiga

Crédito da imaxe e Copyright: José Mtanous

Explicación: á luz das estrelas, este rostro arrepiante brilla na escuridade, un perfil torto que evoca o seu nome popular, a Nebulosa Cabeza de Meiga. De feito, este retrato telescópico produce a sensación de que a meiga fixou a súa mirada en Rigel, a estrela superxigante de Orión. Máis formalmente coñecida como IC 2118, a Nebulosa Cabeza de Meiga abrangue uns 50 anos luz e está composta por grans de po interestelar que reflexan a luz de Rigel. A cor azul na Nebulosa Cabeza de Meiga e o po que rodea a Rigel non só está causada pola intensa luz azul de Rigel, se non tamén polos grans de po que dispersan máis eficazmente a luz azul que a vermella. O mesmo fenómeno físico causa que o ceo diúrno da Terra sexa azul, aínda que os dispersores na atmosfera terrestre son as moléculas de nitróxeno e osíxeno. Rigel, a Nebulosa Cabeza de Meiga, e o gas e o po que as roden atópanse a uns 800 anos luz de distancia.