Categorías
Uncategorized

En movemento: Urano e as súas lúas

Crédito do vídeo: David Campbell (U. Hertfordshire), Bayfordbury Observatory

Explicación: que está cruzando o ceo? Trátase dun planeta demasiado feble para verse a ollo ceibe: Urano. O xigante gasoso máis alá de Saturno foi observado a comezos do mes preto da súa oposición, cando está máis próximo á Terra e ao seu máximo brillo. O vídeo amosado capturouse polo Observatorio Bayfordbury en Hertfordshire no Reino Unido e trátase dun time-lapse de catro horas que amosa Urano coas súas catro maiores lúas: Titania, Oberón, Umbriel e Ariel. O movemento aparente de Urano fronte ás estrelas do fondo está dominado polo propio movemento orbital da Terra ao redor do Sol. A cruz visible centrada sobre Urano denomínase pico de difracción e é causada pola luz difractándose ao redor dos catro brazos que soportan un dos espellos do telescopio. A rotación dos picos de difracción non está causada pola rotación de Urano, pero esencialmente débese á rotación da Terra. Durante os próximos meses o propio Urano será visible con anteollos, pero coma sempre, para ver as súas lúas será necesario un telescopio.