Categorías
Uncategorized

NGC 3314: as galaxias superpostas

Crédito da imaxe: NASAESA, Hubble; Procesado e Copyright: William Ostling (The Astronomy Enthusiast)

Explicación: por que as galaxias próximas non producen un efecto de lente gravitacional nas galaxias do fondo? Realmente si que ocorre, pero como ambas galaxias están tan próximas, a distorsión angular é moito menor que os tamaños angulares das propias galaxias. Esta imaxe do Hubble de NGC 3314 amosa dúas grandes galaxias espirais que están en liña. A espiral en primeiro plano é NGC 3314a e está case de cara a nós coa súa forma de muiño definida polos seus cúmulos de brillantes estrelas novas. Fronte ao brillo da galaxia de fondo, NGC 3314b as liñas de escuro po interestelar permiten trazar a súa estrutura en espiral. Ambas galaxias atópanse no borde do Cúmulo de Galaxias de Hidra, un cúmulo situado a uns 200 millóns de anos luz. As distorsións de lente gravitacional son moito máis sinxelas de apreciar cando a galaxia que fai de lente é moito máis pequena e está máis lonxe. Nese caso, a luz dunha galaxia de fondo poder deformarse ata chegar a formar un anel ao redor da máis próxima. Os rápidos destelos debidos ao efecto de lente gravitacional de estrelas nas galaxias en primeiro plano amplificando momentaneamente a luz de estrelas de galaxias de fondo poderían observase algún día en futuras campañas de observación con telescopios de alta resolución.