Categorías
Uncategorized

Á percura da laparada de Cefeo

Créditos da imaxe e Copyright: Leo Shatz

Explicación: Arrepiantes formas semellan rondar nesta poirenta extensión, á deriva a través da noite na constelación real de Cefeo. Por suposto, as formas son nubes de po cósmico visibles pola feblemente reflexada luz das estrelas. Lonxe do teu propio vecindario, asexan por riba do plano da Vía Láctea no límite do complexo de nubes moleculares de Cefeo a uns 1.200 anos luz de distancia. De máis de 2 anos luz de diámetro e máis brillante que a maioría das outras aparicións pantasmagóricas, vdB 141 ou Sh2-136 tamén se coñecen coma a Nebulosa Pantasma, vista á dereita do campo estelar da imaxe. No interior da nebulosa atópanse signos reveladores dos densos núcleos colapsando nas primeiras etapas da formación de estrelas. Co inquedante tono do po que reflexa a luz azulada das xóvenes estrelas quentes de NGC 7023, a Nebulosa do Iris sobresae contra a escuridade xusto á esquerda do centro. No amplo marco telescópico, estes fértiles campos de po interestelar espállanse case sete lúas cheas ó longo do ceo..