Categorías
Uncategorized

SH2-308: A Nebulosa Cabeza de Golfiño

Crédito da imaxe e Copyright:Nik Szymanek

Explicación: inflada polos rápidos ventos dunha estrela masiva moi quente, esta burbulla cósmica é enorme. Catalogada como Sharpless 2-308 atópase a uns 5 000 anos luz cara a constelación do Can Maior e abrangue algo máis que unha Lúa chea no ceo. Isto correspóndese cun diámetro duns 60 anos luz á distancia estimada. A estrela masiva que creou a burbulla, unha estrela de tipo Wolf-Rayet, é o punto brillante preto do centro da nebulosa. As estrelas Wolf-Rayet teñen máis de 20 veces a masa do Sol e créese que son unha breve fase pre-supernova na evolución das estrelas masivas. Os rápidos ventos dende esta estrela Wolf-Rayet crearon a nebulosa con forma de burbulla ao varrer o material dunha etapa previa de evolución. Esta nebulosa levada polo vento ten unha idade duns 70 000 anos. As emisións relativamente febles foron capturadas con filtros de banda estreita nesta imaxe profunda dominada polo brillo dos átomos de osíxeno ionizado coloreados en tons azuis. Polo contorno que presenta, SH2-308 é tamén coñecida como a Nebulosa Cabeza de Golfiño.