Categorías
Uncategorized

Un vagalume e a Vía Láctea sobre Rusia

Crédito da imaxe e copyright: Anton Komlev

Explicación: todo empezou cun piñeiro. A idea era fotografar o piñeiro enfronte da banda central da nosa Vía Láctea. E o plan, ideado fai dous meses tivo éxito, ambos aparecen impecables. Pero a panorámica resultante composta por 3 imaxes capturou moito máis. As estrelas por exemplo, salpican de puntos o fondo distante coa brillante estrela Altair visible arriba á esquerda. O planeta Saturno, un pouco máis próximo, aparece xusto sobre o horizonte no extremo esquerdo. Xusto por riba da atmosfera terrestre, visto arriba á dereita, un satélite orbitando á Terra foi capturado na imaxe deixando unha estela durante a exposición de 25 segundos. A atmosfera da Terra é tamén moi visible como un brillo verdoso na parte superior da imaxe. Finalmente, e por casualidade, aparece un vagalume. Podes velo? Preto da parte inferior da imaxe o vagalume emitiu a súa luz amarelenta varias veces ata desaparecer sobre o rio Milogradovka no Krai de Primosrky en Rusia.