Categorías
Uncategorized

Unha Lúa chea na hora azul

Crédito da imaxe e Copyright: Giorgia Hofer

Explicación: as fotógrafas da natureza no planeta Terra sempre buscan a hora azul. Isto é, a transición no luscofusco xusto antes do amencer ou despois do solpor cando o Sol está por baixo do horizonte pero a terra e o ceo aínda está iluminados por unha preciosa luz azul. Despois do solpor o 21 de agosto, nesta fotografía tomada na hora azul captúrase a Lúa case chea mentres sae en oposición ao Sol sobre os Alpes Italianos en Cortina d’Ampezzo. Compartindo tons azuis co ceo a pirámide rochosa do Monte Antelao, tamén coñecido como o Rei das Dolomitas, é o pico máis alto da rexión. O luar é amarelo pero a pesar disto esta lúa chea é coñecida por algúns como Lúa Azul. Isto débese a que segundo unha definición, a terceira Lúa chea dunha estación con catro Lúas cheas é chamada así. Denominando estación ao tempo entre un solsticio e un equinoccio, nesta estación a cuarta Lúa chea sairá na hora azul do 20 de setembro, xusto antes do equinoccio de setembro.