Categorías
Uncategorized

O Tulipán e Cygnus X-1

Crédito da imaxe e Copyright:Carlos Uriarte

Explicación: esta alongada vista telescópica mira ao longo do plano da Vía Láctea cara a constelación do Cisne, rica en nebulosas. Coñecida tamén popularmente como a Nebulosa do Tulipán, a brillante nube de gas interestelar e po sobre o centro tamén aparece no catálogo de 1959 do astrónomo Stewart Sharpless como Sh2-101. Con preto de 70 anos luz de tamaño, a complexa e bela Nebulosa do Tulipán atópase a uns 8 000 anos luz, e amósase nesta imaxe na paleta do Hubble que convirte a luz dos ións de xofre, hidróxeno e osíxeno en cores vermello, verde e azul. A radiación ultravioleta das estrelas xóvenes máis enerxéticas no borde da asociación OB3 do Cisne ionizan os átomos e estimula a emisión da Nebulosa do Tulipán, nesta asociación inclúese a estrela de tipo O HDE 227018. Tamén no campo de visión atópase o micro cuásar Cygnus X-1, unha das maiores fontes de raios X do ceo terrestre. Impulsado polos poderosos chorros do disco de material do buraco negro, o seu feble fronte de choque azulado é apenas visible enriba dos pétalos do tulipan cósmico, xusto na parte superior da imaxe.