Categorías
Uncategorized

STARFORGE: unha simulación da formación estelar

Créditos do vídeo e texto: Michael Y. Grudić (Northwestern U.et al.STARFORGE Collaboration;
Música: Prelude, Op. 28, No. 4 en Mi Menor (Frédéric Chopin)

Explicación: como se crean as estrelas? A maioría fórmanse a partir dunha nube molecular xigante no disco central dunha galaxia. O proceso comeza e está influído e limitado pola acción dos ventos estelares, chorros, a luz estelar de alta enerxía e as explosións de supernova de estrelas previamente existentes. O vídeo amosado ilustra estas complexas interaccións nunha simulación de STARFORGE dunha nube de gas cunha masa de 20 000 masas solares. Na visualización en time-lapse as rexións de cores máis claras indican rexións con menor densidade de gas, a cor codifica as velocidades do gas (morado é lento, laranxa é rápido) mentres que os puntiños indican as posicións das estrelas recén formadas. Cando comeza o vídeo, a nube de gas que abrangue 50 anos luz comeza a condensar pola súa propia gravidade. Ao cabo de 2 millóns de anos, fórmanse as primeiras estrelas mentres que as estrelas máis masivas comezan a expulsar grandes chorros. A simulación conxélase pasados 4.3 millóns de anos, e o volume rota para obter unha perspectiva tridimensional. Aínda queda moito por coñecer sobre a formación estelar, incluíndo o efecto dos chorros limitando as masas das estrelas formadas.