Categorías
Uncategorized

Sobrevoo a Venus

Créditos da imaxe: NASAJHUAPLNaval Research Lab, Guillermo Stenborg e Brendan Gallagher

Explicación: na súa misión de exploración da heliosfera interior e a corona solar, o 11 de Xullo de 2020 a sonda solar Parker da NASA capturou coa súa cámara de campo amplo esta incrible vista da cara nocturna de Venus a unha distancia duns 12 400 quilómetros. A nave facía a súa terceira de sete manobra de asistencia gravitatoria sobrevoando o planeta interior. As manobras de asistencia gravitatoria están deseñadas para que a gravidade de Venus axude a alterar a órbita da nave para achegarse ata 6 millóns de quilómetros da superficie solar a finais de 2025. Nesta imaxe sorprendente, a cámara lateral semella buscar entre as nubes a rexión escura central coñecida como Aphrodite Terra, a chaira máis grande da superficie venusiana. O anel brillante no borde do planeta é o brillo nocturno probablemente causado polos átomos de osíxeno excitados recombinándose para formar moléculas nas capas altas da atmosfera. As raias e manchas brillantes que cruzan a imaxe débense probablemente a partículas cargadas e po próximo á cámara que reflexan a luz solar. Os astrónomos do planeta Terra seguramente recoñecerán as familiares estrelas do cinto de Orión e a espada abaixo á dereita.