Categorías
Uncategorized

Estéreo Eros

Créditos da imaxe: NEAR ProjectJHU APLNASA

Explicación: Saca as túas gafas vermellas/azuis e flota a carón do asteroide 433 Eros. Orbitando o Sol unha vez cada 1.8 anos, o asteroide cercano á Terra, debe o seu nome ó Deus grego do amor. Non obstante, a súa forma aseméllase máis a unha pataca grumosa que a un corazón. Eros é un diminuto mundo de 40 x 14 x 14 quilómetros de horizontes ondulados, cráteres, rochas e vales. A súa inquietante escala e a non romántica forma enfatízanse neste mosaico de imaxes dende a sonda espacial NEAR Shoemaker procesadas para obter unha vista anaglífica estéreo. Xunto co dramático claroscuro, as imaxes 3D do NEAR Shoemaker proporcionaron importantes medidas das formas do terreo e estructuras do asteroide, e pistas sobre a orixe deste anaco do Sistema Solar do tamaño dunha cidade. As características máis pequenas visibles aquí teñen uns 30 metros de diámetro. Dende o 14 de febreiro de 2000, o histórico NEAR Shoemaker pasou un ano en órbita arredor de Eros, a primeira sonda espacial en orbitar un asteroide. Fai vinte anos, o 12 de febreiro de 2001, posouse en Eros, a primeira aterraxe sobre a superficie dun asteroide. A transmisión final do NEAR Shoemaker dende a superficie de Eros foi o 28 de febreiro de 2001.