Categorías
Uncategorized

Escintileos do Pulsar do Cangrexo

Créditos do vídeo e Copyright: Martin Fiedler

Explicación: dalgunha maneira sobreviviu a un estalido que con seguridade tería destrúido o noso Sol. Agora, xira 30 veces por segundo e é famoso polos seus rápidos escintileos. Trátase do Pulsar do Cangrexo, unha estrela de neutróns en rotación remanente da supernova que creou a Nebulosa do Cangrexo. Ollando detidamente o vídeo time-lapse é visible o escintileo do pulsar, xusto enriba do centro da imaxe. O video creouse xuntando imaxes tomadas cando o pulsar escintilea xunto a outras imaxes doutros intres. O escintileo do Pulsar do Cangrexo foi probablemente observado por primeira vez por unha muller descoñecida durante unha observación pública na Universidade de Chicago en 1957 máis non a creeron. O estalido de supernova proxenitor foi visible por moita xente no ano 1054. A Nebulosa do Cangrexo amosa unha pintoresca nube de gas en expansión que brilla en todo o espectro electromagnético. O pulsar pénsase que sobreviviu á supernova ao estar composto por materia cuántica dexenerada extremamente densa.