Categorías
Uncategorized

Unha aurora espallándose no ceo

Créditos da imaxe: Jack FischerExpedition 52NASA

Explicación: como salsa verde no teu burrito favorito, unha aurora verde espállase polo ceo nesta fotografía do 15 de xuño de 2017 feita dende a Estación Espacial Internacional. A 400 quilómetros sobre a Terra, a propia estación orbital atópase na parte superior do reino auroral. As auroras teñen sinaturas de cores das moléculas e átomos excitados nas baixas densidades que se atopan a altitudes extremas. A emisión do osíxeno atómico domina está vista. O brillo feiticeiro é verde nas alturas máis baixas pero bandas vermellas esténdense por riba do horizonte da estación espacial. A escena orbital capturouse mentres a estación pasaba por riba do leste de Australia, con estrelas sobre o horizonte á dereita pertencentes á constelación do Can Maior, o gran can de Orión. Sirio, a estrela alfa do Can Maior é a estrela máis brillante preto do limbo da Terra.