Categorías
Uncategorized

Unha aurora Fénix sobre Islandia

Crédito da imaxe e Copyright: Hallgrimur P. HelgasonAnotacións: Judy Schmidt

Explicación: todos os espectadores de auroras xa marcharan para casa. Ás 3:30 am en Islandia, nunha tranquila noite de setembro a maioría das auroras xa se esvaeceran. De súpeto e de xeito inesperado, un novo estalido de partículas provindas do espazo alumearon a atmosfera terrestre unha vez máis. Sorprendentemente esta vez, por pareidolia, a aurora semella debuxar na noite unha incrible figura que recorda á dun Fénix xigante. Co equipo de fotografía listo fixéronse dúas tomas rápidas do ceo, seguidas dunha terceira do chan. A montaña ao fondo é Helgafell, mentras que o río en primeiro plano chámase Kaldá, ámbolos dous localizados a uns 30 quilómetros ao norte de Reykjavík, a capital de Isladia. Os olladores do ceo máis espelidos notarán que xusto por riba da montaña, cara a esquerda, é visible a constelación de Orión mentres que o cúmulo estelar das Pléiades aparece xusto no centro. A aurora do 2016, que durou só un minuto ata desaparecer para sempre, probablemente clasificaríase como un conto fantástico se non fora capturada neste mosaico composto dixitalmente.