Categorías
Uncategorized

Cincuenta eventos ilustrados de ondas gravitacionais

Créditos da imaxe: LIGOVirgo Collaborations, Frank Elavsky, Aaron Geller, Northwestern U.

Explicación: Xa se detectaron máis de cincuenta eventos de ondas gravitacionais. Estes eventos marcan as distantes e violentas colisións de dous buracos negros, un buraco negro e unha estrela de neutróns ou dúas estrelas de neutróns. A maioría dos 50 eventos foron descubertos no 2019 polos detectores de ondas gravitacionais LIGO nos EE. UU. e o detector VIRGO en Europa. Na ilustración, que resume as masas dos primeiros 50 eventos, os puntos azuis indican buracos negros de maior masa mentres que os puntos laranxas indican estrelas de neutróns de menor masa. Con todo, os astrofísicos non están seguros na actualidade da natureza dos eventos marcados en branco, que involucran masas que parecen estar no medio —entre dous e cinco masas solares—. O ceo nocturno en luz óptica está dominado por planetas e estrelas próximas e brillantes que se coñecen desde o amencer da humanidade. En contraste, o ceo en ondas gravitacionais está dominado por distantes e escuros buracos negros que só se coñecen desde fai menos de cinco anos. Este contraste é esclarecedor: a comprensión do ceo de ondas gravitacionais xa está a reformar o coñecemento da humanidade, non só do nacemento e a morte de estrelas en todo o universo, senón tamén das propiedades do propio universo.