Categorías
Uncategorized

Nebulosa planetaria Abell 78

Crédito da imaxe e CopyrightBernhard Hubl

Explicación: a nebulosa planetaria Abell 78 loce nesta colorida imaxe de telescopio. As cores das estrelas da Vía Láctea dependen da súa temperatura superficial, algunhas máis frias (amarelentas) ou máis quentes (azuladas) que o Sol. Pero Abell 78 ilumínase pola característica emisión de átomos ionizados do tenue halo de material dunha estrela central moi quente. Os átomos ionízanse cando os seus electróns son arrincados pola enerxética luz ultravioleta emitida pola estrela central, que polo contrario sería completamente invisible. O brillo verde-azulado visible dos lazos e os filamentos na zona central da nebulosa correspóndense con emisións de átomos de osíxeno dobremente ionizados, rodeados polas intensas emisións de cor vermella do hidróxeno ionizado. A uns 5000 anos luz de distancia cara a constelación do Cisne, Abell 78 abrangue uns 3 anos luz de tamaño. As nebulosas planetarias coma Abell 78 constitúen a breve fase final da evolución estelar que o noso propio Sol experimentará… en aproximadamente 5000 millóns de anos.