Categorías
Uncategorized

Marte, Pléiades e Andrómeda sobre leóns de pedra

Créditos da imaxe e copyrightCem Özkeser

Explicación: Tres obxectos moi diferentes —e moi famosos— foron todos capturados nunha soa imaxe o mes pasado. Na parte superior esquerda están as brillantes Pléiades azuis, quizais o máis famoso cúmulo de estrelas do ceo nocturno. As Pléiades (M45) están a uns 450 anos luz e atópanse facilmente a uns poucos graos de Orión. Arriba á dereita está a expansiva Galaxia de Andrómeda, quizais a máis famosa galaxia —despois da nosa—, no ceo nocturno. Andrómeda (M31) é un dos poucos obxectos visibles a primeira ollada onde se pode ver luz que ten millóns de anos de antigüidade. No centro está o brillante e vermello Marte, quizais o planeta máis famoso do ceo nocturno. Estes días Marte está en oposición, o que significa que está oposto ao Sol, co resultado de que é visible toda a noite. En primeiro plano hai unha antiga tumba no Val de Phygrian en Turquía. A tumba, con dous leóns de pedra, é un impresionante resto dunha poderosa civilización que viviu hai miles de anos. Marte, actualmente preto do seu máximo esplendor, pódese atopar facilmente cara ao leste xusto despois da posta de sol.