Categorías
Uncategorized

Galaxias do Cúmulo de Virgo

Créditos da imaxe e copyrightFernando Pena

Explicación: As galaxias do Cúmulo de Virgo están espalladas ó longo deste profundo campo de visión telescópico. A escena cósmica, que abrangue unhas tres Lúas Cheas, foi capturada nos escuros ceos preto de Jalisco, México, planeta Terra. A uns 50 millóns de anos luz de distancia, o Cúmulo de Virgo é o cúmulo de grandes galaxias máis próximo ó noso propio grupo de galaxias local. Aquí destacan as brillantes galaxias elípticas de Virgo do catálogo Messier, M87 arriba á esquerda, e M84 e M86 (de abaixo a arriba) abaixo e á dereita do centro. M84 e M86 recoñécense como parte da Cadea de Markarian, unha rechamante liña visual de galaxias en vertical na parte dereita da imaxe. Preto do medio da cadea atópase un intrigante par de galaxias, NGC 4438 e NGC 4435, coñecidas por algúns como os Ollos de Markarian. Por suposto, a xigante galaxia elíptica M87 domina o Cúmulo de Virgo. Esta galaxia é o fogar dun buraco negro supermasivo, o primeiro buraco negro nunca imaxinado polo Telescopio Event Horizon (Horizonte de eventos) do planeta Terra.