Categorías
Uncategorized

Un halo para Andrómeda

Crédito da ilustración dixital: NASAESA, J. DePasquale e E. Wheatley (STScI) e Z. Levay

Explicación: M31, a Galaxia de Andrómeda é a gran galaxia espiral máis preto da nosa Vía Láctea. A 2.5 millóns de anos luz de distancia brilla no ceo nocturno da Terra como unha pequena e borrosa nube alongada apenas visible a ollo ceibe. En cambio, permanece invisible ao noso ollo o seu enorme halo de gas quente ionizado representado en tons morados nesta ilustración dixital da nosa galaxia veciña sobre un terreo penedoso. Cartografada grazas ás observacións do Telescopio Espacial Hubble da absorción da luz ultravioleta contra os quásares máis lonxanos, a extensión e composición do halo gaseoso de Andrómeda foi determinado recentemente polo proxecto AMIGA. Constituíndo un reservorio de material para futura formación estelar, o halo de plasma difuso de Andrómeda espállase ao longo de 1.3 millóns de anos luz ou máis dende a galaxia. Esto é aproximadamente a metade do camiño ata a Vía Láctea, probablemente poñéndose en contacto co halo gaseoso difuso da nosa propia galaxia.