Categorías
Uncategorized

Perseidas dende Perseo

Créditos da imaxe & Copyright: Petr Horálek

Explicación: De onde veñen todos eses meteoros? En termos da súa dirección no ceo, a resposta é a constelación de Perseo.  É por iso que a choiva de meteoros que ten o seu pico na noite de mañá é coñecida coma as Perseidas — os meteoros semellan orixinarse dende un radiante a través de Perseo. En termos do corpo de orixe, non obstante, os restos do tamaño de grans de area que orixinan os meteoros das Perseidas proveñen do Cometa Swift-Tuttle. Este cometa segue unha órbita ben definida arredor do noso Sol, e a parte da órbita que se achega á Terra superponse frente a Perseo. Polo tanto, cando a Terra atravesa esta órbita, o punto radiante dos restos que caen semella ser Perseo. Destacada aquí, a imaxe composta tomada ó longo de oito noites e que contén máis de 400 meteoros da choiva de meteoros das Perseidas do pasado Agosto, amosa moitos dos meteoros brillantes que se espallaron sobre o Observatorio Kolonica en Eslovaquia. As Perseidas deste ano prometen ser unha das mellores choivas de meteoros do ano.